Chismófonos

Outubro 27th, 2015

Este ano imos realizar un proxecto, do que neste blogue faremos un seguimento, que imos chamar “Os sons da maxinación”.

Trátase de conseguir crear instrumentos novos, maxinativos, divertidos… e con eles facer un concerto e unha exposición.

Para iso teremos que estudar e entender como e por que soan os instrumentos, as súas familias, as súas características…

Para ir abrindo boca, déixovos un vídeo duns mestres nisto dos instrumento creativos

 

Belle que tiens ma vie por 6ºB

Maio 6th, 2015

Por fin, despois dunha longa seca de gravacións, podemos volver a colgar algunha peza gravada na clase.
Desta volta é unha pavana moi fermosa (nas súas orixes, aínda que na nosa interpretación non se note tanto) que vén sendo un clásico das aulas de 6º.

O noso francés necesita algún que outro retoque, e a afinación tamén… pero, madía leva! é o mellor que nos saiu nestes últimos tempos.

A ver se sairmos no blogue nos anima a todos e a todas a traballar arreo para mellorar!

Historia da música

Outubro 24th, 2013

Traemos esta fermosa historia da música elaborada por Pablo Morales de los Ríos, un prodixio de debuxo e de resume da evolución dun arte dende o comezo da humanidade deica os nosos días.
A saber que haberá que debuxar dentro de 5000 anos!!!

Scarborough Fair

Novembro 27th, 2012

Esperando a que en breve poidamos colgar unha interpretación dos alumnos de 5º de Molly Mallone, vamos escoitar unha versión de Scarborough Fair feita polos de 6ºA.
Scarborough Fair segue gustándonos!

A orquestra

Outubro 26th, 2012

Este ano comezamos a nosa galería de versións musicais con esta versión deste clásico que é a cantiga da orquestra, unha peza anónima que moito xogo dá nas nosas clases.
Gústanos cantar cánones e este, e aqueloutro do gato que miañaba, son os nosos preferidos.
Desfrutádeo nas voces dos alumnos e alumnas de 5º curso B.

A voltas, de novo, co Alecrim.

Febreiro 16th, 2011

Novamente gravamos esta fermosa cantiga portuguesa, que tamén ten unha boa difusión por Galicia adiante, de feito creo que foi Ana Kiro que gravara no seu día unha versión, moi aquelada ao seu xeito, da mesma.
Na versión que gravamos con 6ºA, unha clase pouco numerosa, non hai moita profusión de medios, pero si un son bastante bo, e unha interpretación da que eu estou persoalmente satisfeito, e espero que tamén a vós vos resulte interesante.

6ºA vive nun submarino amarelo

Decembro 1st, 2010

Pois aquí temos aos nos@s amig@s de 6ºA interpretando este tema dos Beatles.

E non o fan mal de todo, non si?

Dúas novas cantigas de 5º B e 4º B

Maio 12th, 2010

Unhas novas interpretacións dos alumnos do Ceip Condesa de Fenosa. Os de 5º B tocan “A oliveira da Serra”, con timbre de cambio de clase incluído na gravación.
Os de 4º tocan ” A machadinha”. Ambas as dúas son cantigas populares de Portugal. É moi interesante o floclore portugués, que ten pezas moi bonitas e de doada realización.
Espero que vos gusten.

Belle qui tiens ma vie

Abril 21st, 2010

Por fin metemos este temazo no blog.
Interpretado por unha selección de alumn@s de 6ºA e B, tocado a 4 voces.
Evidentemente o sonido podía ser mellor se tivesemos frautas en distintas tonalidades, pero o que temos son frautas sopranos, e tivemos que apañarnos, pero, con todo, estamos moderadamente content@s co resultado.
Se che gusta a nosa versión, por favor deixa o teu comentario.

Belle qui tiens ma vie

Abril 1st, 2010

A próxima peza que imos traballar é a de Belle qui tiens ma vie, de Thoinot Arbeau, un crego francés que fixo unha recompilación de danzas renacentistas entre as que encontramos esta fermosísima pavana.
Para máis información podemos ir á wikipedia, onde temos ligazóns para acceder mesmo ao seu libro onde se indica o xeito de bailar a danza.
Para ir abrindo boca dúas cousas:
A partitura, nunha versión para catro frautas e percusión, tomada de Mutopia Project, unha moi interesante organización que pretende poñer toda canta música poida en dominio público.

Unha moi interesante versión a base de botellas, moita paciencia e bastante coordinación.